Ola a todas e a todos! Somos as compañeiras do CAPM O Porriño, un equipo, ou equipazo como nos gusta chamarnos, formado por doce mulleres: Mila, Rosa, María José, Ana Paula, Susana, Patri, Vane, Manuela, dúas Andreas, Sandra e Mari Carmen.

Día a día intentamos facer do noso traballo un reto, no que a través da aprendizaxe e de compartir o aprendido, intentamos velar e garantir que as persoas usuarias que acoden ao centro alcancen o máximo benestar. Elas e eles son o motor do mesmo. A través das súas decisións, das formas de vida e costumes, van formando a súa propia rutina e dinámica diaria e nós complementámola, axudándoos naquelas cousas nas que precisen a nosa colaboración e prestando o noso apoio para que alcancen o maior nivel de autonomía posible.

A nosa meta? Que o centro sexa para eles o seu fogar. Encántannos as festas e se hai música e baile, alí estamos nós. Este ano, por exemplo, fixemos unha festa de entroido con temática cultural, na que nos caracterizamos de cidadáns do mundo: chineses, africanos, franceses, etc; todo un éxito!!

Outro evento que ten especial significación para todos nós, dado a repercusión que ten na nosa zona, é o Festival de Cans, na que todos os anos dedicamos uns días á preparación e celebración de actividades relacionadas co mesmo. Un ano ata fixemos unha curta que causou gran sensación no Festival! Sen máis, mandámosvos un saúdo e un abrazo virtual (estes por agora non están prohibidos) para todas e todos.